Había una vez dúas galiñas chamadas cocorococó e
cocorococá. Eran dúas galiñas vellas, moi vellas, tanto que tiñan tantos anos
como o propio galiñeiro. Elas foran as primeiras en estrealo. Vivían xunto
cunha ducia de galiñas novas, todas moi fachendosas.
Polas mañás, nada máis saír o sol, mentres o resto
de galiñas saían do galiñeiro a correr, pegándose, pisándose e peteirándose as
unhas ás outras por ver quen era de chegar primeiro á comedeira, chea de graos
de millo ata os topes, as nosas amigas cocorococó e cocorococá espertábanse
amodiño: estiraban unha pata, logo a
outra. Estiraban unha á, logo a outra. Colocábanse ben o plumaxe, miraban a
unha pa outra e mentras unha dicía
- Cocorococó?
- Cocorococá! –Respondía a outra.
Baixaban do poleiro e ían cara a comedeira, onde
xa non quedaba ningunha das súas
compañeiras, e onde había aínda millo para dous ou tres días. Comían uns grans
de millo, bebían un pouco de auga da pía e despois, as dúas xuntas, recorrían o
resto do galiñeiro buscando algún que outro verme que levar ó peteiro, ou
algunha area ca que limpar a lingua por dentro. Ó rematar o recorrido ían para
o seu curruncho preferido: o alto dunha pedra que ninguén sabía como chegara a
aquel lugar, pero que elas sentían como parte da súa vida. E así ata que
chegaba a noite, cando volvían de novo ó poleiro, ó seu pau preferido, lonxe de
tanta fachenda. Colocaban ben as plumas, e antes de levantar a á para meter a
cabeza debaixo e durmir, dicíalle a unha a outra
- Cocorococó?
- Cocorococá! –Respondía a outra.
E así pasaban os días, sempre ó seu, sen prestar atención ó que
facían as fachendosas das súas compañeiras.
Un día apareceu un galo no curral. Un galo aínda
máis fachendoso que aquelas galiñas tan fachendosas. Agora todo aquilo era xa un
sen sentido. Tódalas galiñas andaban tras aquel galo, e el, máis fachendoso
aínda que elas, deixábase. Traíanlle millo que lle deixaban ós pes para que o
comera. Traíanlle vermes que lle daban no peteiro. Bailaban diante del …
mentres as nosas amigas cocorococoó e cocorococá, sempre xuntas, miraban todo
aquel espectáculo dende o seu curruncho preferido. Mirábanse unha para a outra e mentres unha
dicía
-
Cocorococá?
-
Cocorococó
– respondía a outra
Unha noite houbo dentro do galiñeiro un rebumbio
moi grande. Oíanse a tódalas galiñas cacarexar, saltaban polos aires, había
plumas que voaban por aquí e por acolá. Mesmo o galo no paraba de cantar …
Cando ó saír o sol as nosas amigas espertaron e viron o que pasara, descubriron
que todo estaba cheo de plumas e sangue, e as galiñas fachendosas máis o galo,
estaban tiradas no chan, inmóbiles, tesas como unha leituga nunha mañá de xeada.
Ó parecer a noite anterior recibiron a visita dunha donicela, que fixo unha
festa a conta de tanta fachenda. As nosas amigas espertáronse coma sempre.
Estiraron unha pata, logo a outra. Estiraron unha á, logo a outra. Miraron unha
cara a outra e dixéronse
- Cocorococó?
- Cocorococá! –Respondeu a compañeira.
Baixaron do poleiro, foron cara a comedeira chea
de millo, e comeron uns poucos grans, beberon un pouco de auga e deron unha
volta en busca dalgún verme que levar ó peteiro antes de se subir ó alto daquela
pedra, o seu curruncho preferido, dende onde o mundo enteiro quedaba todo baixo
os seus pes.