Vistas de página en total

CARTAS Á LUZ DA LÚA CHEA

Cartas á luz da lúa chea
     Esta é unha compilación das cartas atopadas na casa onde vivían Silvestre e Xiana. O seu fillo Brais xuntounas e gardounas xunto co libro dos Acras, como recordo de seus pais.


Agosto de 2012

      Dende o outro día non durmo. Non podo apartarte dos meus pensamentos. Aquela vella adiviña tiña razón, un día atoparía unha rapaza tan fermosa que sería o principio e o final de todo, pero nunca pensei que serías tan fermosa. A sorte fixo que te atopara neste mes que ten dúas lúas cheas. En todos estes días non puiden esquecer eses ollos, eses  beizos..., quen os puidera bicar! Ese corpo, medio espido, que durmía debaixo das sabas. Esa pel, dunha cor branca como a propia lúa. Quen a puidera acariciar!
     Esta noite volvín de novo. En vez de morderche o pescozo dei en bicarte e o roce dos meus  beizos cos teus beizos fixo que o sangue corra de novo polas miñas veas  . Acerqueime tanto que ulín o teu perfume, ora recordábame a rosas, ora recordábame a lavanda. Iso debeu ser o que me nubrou o senso. Pasei a miña man polo teu rostro, e a túa pel suave fixo que se estremecera todo o meu corpo. Iso foi a perdición da miña alma, si é que a estas alturas un vampiro coma min pode ter alma.  Senteime ó teu carón nos pes da cama, e ollando o teu acompasado respirar esperei que chegaran as primeiras luces do día, antes de me retirar.
    Xa me tarda a seguinte lúa chea. Quero volver de novo a ulir o perfume da túa pel, quero volver de novo a bicar os teus beizos, quero volver de novo a contemplar o teu corpo medio espido baixo as sabas... e esperar ó pe da túa cama polas primeiras luces do día.
    É moi probable que isto sexa o meu fin, que os teus ollos sexan o pozo onde se afogue a miña alma, que os teus beizos sexan o veleno que fenda en dous o meu corazón, que a cor branca da pel sexa a luz do amencer que converta todo o meu ser en cinzas. Todo iso será como un caramelo nas mans dun neno, si dese xeito consigo poder estar onda ti unha vez máis, aínda que sexa a última. 
 
 
SILVESTRE

Novembro 2012
Hoxe preguntei por ti á lúa chea e non me quixo responder. Miroume como quen mira á cousa máis odiosa que existe sobre a terra. Creo que ten envexa. Antes esperaba que chegara a lúa chea para saír pola noite. Estabamos solo ela e eu. Eu e ela. O mundo era noso. Eu contáballe tódalas falcatruadas que facía e ríamos os dous a escachar. Ela era a miña compaña, a miña confidente, a luz que me guiaba...
Hoxe preguntei por ti a lúa chea e non me quixo responder. Escondeuse tras unha nube. Está celosa de ti. Antes dicíalle que era ela a cousa máis fermosa que había no universo. Agora cada vez que lle pregunto por ti ponse vermella e non me quere responder.
Hoxe preguntei á lúa chea por ti e non me quixo responder. Pedinlle que me contara cousas de ti. Como eras. Que facías. Si sorrías. Si chorabas. Si suspirabas. . ..  A que ulías.
Esta noite fun onda ti unha vez máis. Senteime ós pes da cama, ollei o teu respirar, a túa suave pel, os teus fermosos ollos. Arrimei os meus beizos ós teus, respirei ese aroma a lavanda que te envolve sempre, e percorrín todos e cada un dos currunchos do teu corpo cas xemas dos meus dedos. Logo un mordisquiño na xugular, o xusto para sobrevivir ata a próxima lúa. E cando marchaba, vin como a lúa chea asexaba escondida detrás dunha nube


Xaneiro de 2013
Hoye é lúa chea. Saín á rúa, como sempre, nada máis poñerse o sol. Comecei a camiñar na busca da seguinte víctima, pero so te atopaba a ti... En cada sorriso, en cada verba, en cada perfume... Todo me recordaba a ti. Pasei diante dunha cafetería e alí estabas. Ó principio pensei quera outra das xogadas da miña imaxinación,pero despois duns segundos de dúbidas, decateime que realmente eras ti. Senteime na mesa do lado. Todo o meu corpo tremía de medo e de nervos. Serías quen de recoñecerme?
De cando en vez ollaba para ti... Eses ollos fermosos, eses beizos suaves... Nun momento de valor, levanteime da cadeira e pregunteiche pola hora. So co arrecendo do teu perfume estiven a piques de tolear. Logo foron chegando as túas amigas e entre sorrisos e sorrisos puiden ollar para ti con máis calma....Canta fermosura!

Esta noite tampouco saín de caza. Unha vez máis senteime ós pes da túa cama a ollar como as sabas acariciaban o teu corpo.... Ó sair o sol, deiche un bico nos beizos e volvín para o meu triste fogar. Levo meses loitando contra estes sentimentos, pero son máis fortes ca min... Xa está decidido! Sexa como sexa, a próxima lúa chea será a última.... So cuns segundos será máis que suficiente....


Marzo de 2013
 
Nunca pensei que estaría hoxe, aquí, escribindo esta carta. Pasaron xa unhas cantas lúas cheas dende que comecei a cavilar na idea de poñerlle fin a isto. Non podía eu soportar máis estar ó teu lado sen poder máis que darche un bico, sen poder facer máis que mirar para ese corpo tan feito que se escondía debaixo das sabas, sempre con medo a que espertaras. Non podía!.

Por iso, porque non soportaba a dor de verte e non poder case nin tocarte, sen poder falarche, sen poder dicirche canto te quería, canto te amaba.... por esa dor que sentía no meu corazón, entendín que era mellor cinco minutos de dor intensa, a das queimaduras do sol na pel dun vampiro, e logo paz.

Pero ti demostráchesme que non, que non se pode abandonar sen telo intentado. Alí estaba eu, de pé, mirando pola fiestra, esperando a que os primeiros raios de sol da mañá acariciaran a miña pel.... cando ti pechaches as contras da fiestra e me dixeches esas palabras que aínda agora soan na miña cabeza....

- Non pretenderías irte deste mundo e deixarme soa? Aquí tes o meu pescozo, faime eterna.

E non fun quen de facerte eterna, esa é unha maldición que teño que levar eu sobre os meus ombros; a cambio, comecei a bicar todo o teu corpo, palmo a palmo, sen deixar un só curruncho. E logo escondidos baixo as sabas, ocultándonos do mundo, fixemos o amor ata quedar sen folgos.

Agora sei que si algo de humano queda nesta alma de vampiro, buscareino, arrincareino para fora e con iso dareiche un bico nos beizos e desexareiche as boas noites tódolos días da nosa vida.
 
 
 
 
 
Abril 2013.

ENVEXA

A envexa e mala e traicioneira.
Que llo pregunte á lúa!!
Por iso mingua, día a día,
por iso hai unha noite na que desaparece.
Porque ten envexa do teu sorriso,
porque ten envexa de quen tanto te quere.

Pero tamén ama a lúa,
ó seu xeito,
á sua maneira.
Por iso medra
cada día un chisco...
ata volver a ser chea.

Quixera ser lua,
para esconderme tras unha nube
e axexar pola túa ventana,
para ollar mentras dormes,
e acariciar o teu corpo,
espido baixo as sabas

Agora son eu que ten envexa da lúa,
porque ela pode ollar o teu sorrir,
bicar os teu beizos,
acariciar o teu corpo,
escondida tras unha nube,
entrando pola fiestra.

Agora son eu quen ten envexa
porque eu só podo terte unha noite,
mentras ela,
ela tente toda para ela.


Agosto de 2013

Fai xa un ano dende que te coñecín. Agora somos dúas almas xuntas . Ámote. Ámasme. Pero cada vez que sae a lúa chea, asexa pola fiestra para saber onde estou, para saber con quen estou. Chama por min, quere que volvamos a correr aventuras como antes, eu saltando de tellado en tellado, entrando polas fiestras, deixando un regueiro de sangue polos pescozos...

A lúa asexa pola ventá para verte, para buscarte baixo as sabas. Levántome, pecho as contras, e elas escóndese detrás dunha nube para non ser vista.


Un día, volvía para a casa despois dun paseo á tardiña, e a lúa estaba esperándome á volta do camiño.

-De onde ves? –díxome.- Quen é ela?



-Ela é un sorriso, ela é unha mirada fermosa, ela son miles de agarimos. Ela é un bico. Ela é a que día a profecía que será o meu principio e o meu final


-Entón –dixo a lúa- si ela é de verdade a que se nomea na profecía, entón sei que perdín a guerra antes de comezar ningunha batalla.


E así escondeuse detrás dunha nube, fuxindo das últimas raiolas de luz do atardecer.










No hay comentarios:

Publicar un comentario