Vistas de página en total

viernes, 7 de noviembre de 2014

Oito grans de millo

      A Daniel gustáballe moito xogar na horta. Pasaba horas e horas  loitando contra dragóns xigantes, perseguindo dinosauros e defendéndose dos ataques dun exército alieníxena chegado dende outro planeta, que fixera mudar as formigas converténdoas en animais feroces. Daniel, sinxelamente, era feliz no seu mundo imaxinario.

Era a véspera de Tódolos Santos. Daniel estaba contento porque non tiña clase  e facía un fermoso día soleado de outono. Durante unha boa parte da mañá estivera preparando as cabazas que adornarían a súa casa esa noite, antes de volver ca súa labor de defender o seu castelo dos ataques inimigos.   Nun descanso entre loita e loita, entretívose noutra das súas afeccións: buscar trevos de catro follas.

-          Un tesouro – pensou Daniel, cando atopou un grupiño de grans de millo entre os trevos.- Un, dous, tres, catro, cinco, seis, sete e oito. Oito grans de millo!

-          Daniel, a comer! – oíu dicir a súa nai.

-          Vou. Mira mamá que atopei! Un tesouro! – contoulle Daniel á súa nai todo contento.- Oito grans de millo!

Pero a ledicia de Daniel con coincidía coa de súa nai. Oito grans de millo, pensou ela, pero si por aquí cerca non hai xa leiras de millo. De pronto veulle á cabeza unha lenda que lle oíra conta ó seu pai cando era cativa.

-          Danieliño – díxolle súa nai- onde atopaches os grans de millo?

-          Na horta, onda o balado da señora Palmira.

A nai de Daniel puxo a comida e mentres comían contoulle unha historia que Daniel xamais esquecería.

-          Daniel, fai moitos anos meu pai , teu avó, contoume unha historia. Acórdaste daqueles contos que che contaba da Santa Compaña? Pois ben, na noite da véspera de Tódolos Santos, o portador da Cruz da Santa Compaña busca un novo portador.  Durante os oito días anteriores, vai deixando un gran de millo preto da casa do elixido. Si esa noite consegue que portador e elixido se vexan, poderalle pasar a Cruz e por fin atopará descanso do seu traballo. O novo portador será agora quen leve a Cruz cada vez que a Santa Compaña saía ós camiños, ata que pasado un ano chegue de novo a noite sinalada, e poida traspasala a outro pobre desgraciado.

-          Pero mamá – dixo Daniel- son só oito grans de millo!

-          Daniel, esta noite, chame quen chame á porta ti non abras. Deitarémonos cedo, durmiremos toda a noite, e mañá xa todo terá pasado.

Foi pasando o día. A mañá de sol de outono tornouse en tarde nubrada e ó anoitecer, apareceu a choiva e o vento, entre lóstregos que cruzaban o ceo. Cearon ben cedo. Pero cando estaban a punto de se deitar…
-          Ding – Dong. –soou o timbre da casa.

-          Non ábrala porta Daniel. Deitémonos!

 Pero o timbre soaba unha e outra vez. O trono, o vento e a choiva tampouco axudaban a calmar ó pobre Daniel que non paraba de dar voltas na cama. Non era capaz de durmir.  Desesperado Daniel foi ata a porta. Cando súa nai se quixo dar conta, xa era demasiado tarde. Daniel xa abrira a porta. Súa nai botou a correr cara el e alí viu, plantado diante da porta, todo fachendoso, un pequeno rato.
-          Daniel –estaba a dicir o rato- devólveme os grans de millo!. Estiven moitos días a xuntalos, vindo dende leiras afastadas, para poder dar de comer á miña familia.

A nai de Daniel, respirou tranquila, e o Danieliño, moi ó seu pesar, entregou a aquel ratiño o seu tesouro. Cando súa nai ía pechar a porta, viu ó lonxe, pola corredoira de Lagares, un grupo de fachos que parecían camiñar polo aire. Un lóstrego iluminou toda a corredoira, e ó fronte dos camiñantes, un home cunha Cruz presidía tan sinistra comitiva.