Vistas de página en total

viernes, 29 de mayo de 2015

Xana e o paporrubio



-  Toc, toc, toc
Xana ergueuse da cama, abriu os ollos e comezou a mirar a un lado e outro buscando a orixe de aquel son. Ó final deu con el, parecía vir da ventá

-  Toc, toc, toc

Xana foi cara a ventá, subiu a persiana e alí veu un pequecho paporrubio, mirando cara ela, sen miga de medo nos seus olliños.

-  Toc, toc, toc

Que querrá, pensou Xana. Foi cara a súa mesiña de noite, abriu un caixón e quitou unha galleta dun paquete que sempre tiña alí agochado. A continuación abriu a ventá e desfixo a galleta en pequenas frangullas. O paxariño comezou a comer nela. Cando rematou dedicoulle unha fermosísima melodía a Xana, ou iso pensou ela mentres se vestía para ir a traballar. Dende aquel día,  cada mañá, aqueles golpes na ventá espertaban a Xana

-  Toc, toc, toc
-  Vou....Está ben, está ben...    

Así pasaron os días. Da casa ó traballo, do traballo á casa, e desexando sempre que fose pola mañá para poder ver de novo ó seu amigo cantor.
Unha mañá de setembro, cando o verán remataba xa, o canto do paporrubio tornouse triste e melancólico. A medida que se acercaba o outono, o paxaro parecía cada vez máis triste.

-  Que che pasará para tan fondo penar? Si puideses falar ...

Un día, ó saír do traballo, Xana foi  falar cun vello do lugar de Arretén. Oíra falar moito del e do seu amor ás prantas, ás árbores e ós paxaros. Aquel home, de nome Manoel, alto e delgado, xa moi entrado en anos, estaba sentado ó sol, nun banco de pedra, na porta da súa casa. Na súa man comían dous merliños de peteiro laranxa.

-  Boas tardes. Podo facerlle unha pregunta?
- Ti dirás – dixo o señor Manoel ollando con desconfianza para aquela descoñecida.
-  Ando buscando cura para un paxaro enfermo. – E Xana contoulle a historia a aquel ancián. O home, recolocou o chapeu, afiou un pouco o bigote e díxolle:
-  Miña filla, o que ten o teu paxaro é un meigallo, un conxuro malvado. Non é realmente un paxaro senón un mozo de ti namorado, que por amor foi condenado a vivir coma un paxaro. Non existe neste mundo solución para tal meigallo.

Despois destas verbas Xana volveu triste para a súa casa. Á mañá seguinte, alí estaba, como sempre, o pequeno paporrubio. Ela colleuno na man, ollou para a súa cara triste e deulle un bico no peteiro....

-  Nos contos sempre funciona –pensou.

Do que pasou moi pouca xente sabe. Xana converteuse en paxaro e os dous xuntos  desapareceron sen máis. Pero si lle preguntades ó señor Manoel, el diravos que aquela noite viu como o carro de estrelas os veu buscar, e agora, convertidos en estrelas, descansan para sempre xuntos no ceo ca forma dun cisne e un aguia.