Vistas de página en total

sábado, 26 de diciembre de 2015

Abrazoso


A Daniel de pequecho encantábanlle os osos amorosos: Queixoso, Gruñoso, Xenerosa, Armoniosa.... Era a súa serie de debuxos preferida. Tamén lle encantaba que lle deran abrazos, pero máis aínda que recibilos, o que lle gustaba era dalos. Xuntando ámbalas dúas cousas, a xente empezou a chamarlle “abrazoso”

Aquel neno medrou, como tódolos nenos, pero seguiu regalando abrazos. Primeiro na familia, logo cos veciños, e tanto foi así que a xente comezou a vir cada vez de máis lonxe para que os abrazara. Xente triste, xente con problemas de saúde, xente que quería compartir un abrazo, xente e máis xente. E el, simplemente regaláballes o seu abrazo, e dun xeito ou outro, as preocupacións e as tristuras da xente desaparecían.

Un día, polo Nadal, Daniel ergueuse da cama e atopouse canso, triste, sen ánimos. Ese día non saíu da casa. Comezou a chegar a xente como tódolos días, e todos foron xuntándose na porta da casa de Daniel. Pero Daniel non saía. Entón a xente dou en murmurar, logo xa foron alzando a voz, para rematar gritando. Querían que saíra. Por fin, Daniel fixo un esforzo e asomouse á porta.

-          Sinto que tiverades que vir de balde, algúns dende moi lonxe, pero hoxe non vai haber abrazos. Non me sinto ben. Atópome canso. Moi canso...

Dito isto, entrou de novo na casa. A xente volveu de novo a gritar.

-          É un fraude! É todo mentira! –dicía un

-          Que cara dura! Que me devolvan os cartos – dicía outro, aínda cando Daniel nunca quixo nada de ninguén

-          Que pouca vergoña! Que está canso! É a súa obriga dar abrazos!

Canto máis oía Daniel á xente, máis triste se poñía, e menos forzas tiña. Canda palabra era un coitelo que se cravaba no seu corazón.

-          Ding, Dong –soou o timbre

-          Ding, Dong –soou de novo

-          Ding, Dong

Entón Daniel foi cara a porta e o abrila atopou a unha nena que o mirou fixamente ós ollos e deulle ela un abrazo a Daniel e a cara triste de Daniel tornou en ledicia. Xa non se atopaba canso. E un día máis volveu de novo a facer o que mellor sabía, regalar abrazos.