Xurxo saíu a toda velocidade da aula, nada máis soar
o timbre. Corría pola rúa coma se fora o último día de clase antes das
vacacións. Pero hoxe non corría tras a súa mellor amiga Vicki coma outros días,
para acompañala ata a súa casa, aínda que quedara a dez minutos da porta do
colexio en dirección contraria a onde el vivía, de tal xeito que para volver
cara a súa casa tiña que dar un rodeo. Esa amiga especial á que lle contaba os
máis grandes segredos que pode ter un rapaz da súa idade, esa amiga que lle
servía de apoio tanto como el a ela, que choraban xuntos cando algo lle ía mal
ó outro, esa amiga á que lle contou un día que estaba amolado porque María e
Leo lle fixeran un regalo a Antón polo seu aniversario sen contar el.....
Hoxe non era o caso, porque hoxe era venres e os
venres dábanse dúas premisas moi importantes, por un lado Vicki marchaba para
pasar o fin de semana ca familia nunha casiña que tiñan preto do mar... e por
outro lado, os venres chegaban os libros novos á libraría do señor Manuel. E
cara alí era cara onde corría hoxe Xurxo.
A libraría do señor Manuel era unha das poucas
librarías de barrio que quedaban. Na fachada un cartel anunciaba o negocio:
“Libraría DeSantiago”. Con Don Manuel DeSantiago esta era xa a terceira
xeración de libreiros da familia DeSantiago que rexentaban aquel negocio. A
libraría ocupaba un baixo enorme con tódalas paredes cheas de andeis onde se
atopaban os libros perfectamente ordenados por temáticas: libros de texto,
banda deseñada, científicos, ciencia ficción, aventuras, novela negra... e ó
fondo de todo a sección dos libros antigos e de segunda man. No centro do baixo
estaba o lugar de traballo de Don Manuel tras un mostrador circular de media
altura ó que se accedía por unha pequena porta perfectamente disimulada na
parede do mesmo e que permitía ó libreiro entrar e saír con facilidade.
-
Bos días Don Manuel!!
-
Bos días rapaz! Xa che deixaron saír do
colexio?
-
Si Don Manuel. Chegaron os libros novos?
-
Están ó fondo. Aínda non tiven tempo de
quitalos das caixas, pero podes buscar nelas se queres, a ver si desta vez
atopas algo que che guste.
-
Grazas Don Manuel!
E alá foi Xurxo todo decidido. Desta vez non tardou
moito e atopar algo que le chamara a atención. Viu un libro de tapas duras e
cores escuras, non se sabía ben si xa eran así antes ou foi cousa do paso do
tempo. O título, “O libro máxico dos contos”. Xurxo non dubidou en abrilo e
mirar no seu interior. Pasou as primeiras páxinas, saltouse o índice e foi
directo ó primeiro capítulo. Leu a primeiras liñas...
-
Xa está –dixo para si mesmo.- Quédome
con este.
Este era o proceder de Xurxo. Non lle interesaban os
índices, nin os prólogos, nin os resumos da contraportada. O primeiro capítulo
era o importante. Si o primeiro capítulo o conquistaba, se esas primeiras liñas
eran capaces de chamar a súa atención, entón o libro merecía a pena.
-
Don Manuel levo este.
-
O libro máxico dos contos! Este promete
Xurxo! Apúntocho?
-
Si, coma sempre! Despois xa se pasa meu
pai. Bo día!
-
Bo día Xurxo!
Xurxo chegou á casa e comeu a toda velocidade. Logo
foi para o seu cuarto e comezou a lectura. Chamáralle a atención do libro a
letra, como se fora manuscrita. E sobre todo o debuxo que encabezaba o primeiro
capítulo, de título, “Tomé e o Impo”. Cada capítulo era un conto, unha historia.
E todas e cada unha delas levábao a un mundo distinto. Despois viña “A nena que
non quería cortar as unllas”, “Chispa, o gardián dos soños”, “O grilo Federico”,
“Flor de inverno”, “Ramiro”, “Oito grans de millo”, “O rápido de Betanzos”, “Adeus
avó” e moitos máis contos que leu dun
tirón ó longo da tarde. Cando ía pola metade do libro, descubriu que o seguinte
capítulo non tiña título e as seguintes páxinas estaban en branco.
-
Que pasou aquí? – Preguntouse Xurxo.- Un
erro de impresión?
Pasou as follas. Tódalas las páxinas que seguían a
aquela e ata o final estaban en branco, aínda así todas estaban numeradas.
Xurxo quedouse mirando fixamente aquela primeira páxina en branco. De pronto
comezaron a escribirse unhas verbas....
-
Ola. Sorprendido?
Xurxo pechou o libro de súpeto. Quedouse mirando a
portada fixamente. Releu de novo o título: “O libro máxico dos contos”. Ó pouco
e con certo medo volveuno a abrir amodiño pola mesma páxina de antes. Agora as
palabras desapareceran pero pouco a pouco fóronse escribindo outras novas.
-
Non teñas medo. Que te esperabas dun
libro de contos máxico? Que te transportara a outro tempo? Que apareceras por
arte de maxia noutro mundo? Iso só pasa nas películas...
-
Imaxino que tes razón –dixo Xurxo en voz
alta
-
A maxia deste libro está na túa cabeza.
Os seguintes contos tócache escribilos a ti, ca túa imaxinación.
-
Pero, e si non sei? E si non son capaz?
-
Serás capaz, seino. Ti cres que me
elixiches ti a min, pero foi ó revés, fun eu quen te elixiu a ti. Deixa voar a
túa imaxinación, e cada noite terás un conto novo escrito nestas páxinas en
branco.