Primeiro foi a nada.
A partir da nada foron creados os dous mundos onde está todo o que é e todo o que deixa de ser. Ó mundo onde está todo o que é chamóuselle terra e alí habitan todos os seres que foron creados despois da nada. Ó mundo onde habita todo o que deixa de ser chamóuselle ceo e alí van os espíritos dos que deixan de ser.
Despois da creación dos dous mundos foron creadas tódalas cousas que se ven, así como aquelas que son pero que aínda non foron mostradas. E en verdade todo aquilo era fermoso. E o creador puxo no alto do mundo o Sol para dar luz e calor. Pero cando o Sol se retiraba a descansar, volvía de novo a escuridade. O creador puxo entón no alto do mundo a Lúa, para que a escuridade non fora total e tódalas cousas que son non tiveran medo da escuridade. Pero a Lúa, de menor poder que o Sol, minguaba ata que unha noite desaparecía de todo, e nesa noite todo era escuro en verdade, para logo medrar de novo no alto do mundo ata completarse e estender a súa luz de prata polo mundo dos que son. Así naceron os días.
E o creador decidiu que alguén tiña que coidar o mundo onde está todo o que é. Así, un día, ó final do arco da vella, naceu a cousa máis linda que nunca se puido imaxinar. E o creador deulle o nome de Antía, que quere dicir, “a máis linda entra as flores”. E Antía morou no mundo dos que son coidando de tódalas cousas, pois o seu corazón era nobre e estaba cheo de amor. E púxolle nome a todo o coñecido: así recibiron o seu nome as flores e as árbores, os animais, o vento e a choiva, e coidou de todos eles. Con ela todo era en verdade fermoso. Pero Antía sentíase soa e o creador soubo disto.
Así foi como o creador lle deu un irmán a Antía. E púxolle de nome Roi, que quere dicir, “O glorioso, o que trae a Gloria”. E Roi era forte, valente e de gran corazón. E así habitaron na terra ámbolos dous. Mentres Antía vivía dedicada ó coidado das cousas que son, Roi interesábase por explorar novos territorios e adquirir novos coñecementos sobre todo o que é. Así foi como descubriu o país das altas montañas e nel construíu a súa morada, pois en verdade era fermoso este territorio.
E sucedeu que un día apareceu o mal. Era unha das cousas que son, pero que aínda non foran mostradas. E veu en forma dun vento frío que todo o conxelou. Unhas nubes negras como o mesmo mal taparon o Sol e ocultaron a Lúa. As flores murcháronse, as árbores perdían as follas e os ríos conxelábanse. E Antía despregou todo o seu poder e sete veces loitou contra o mal e venceu, e sete veces o mal volveu. Entón, pediu axuda ó seu irmán. Enviou mensaxes a tódolos recunchos do mundo para que avisaran a Roi do que estaba a suceder. E a mensaxe foi de paxaro en paxaro, de cervo a coello e de coello ás plantas, e así chegou a noticia a Roi. E Roi correu en auxilio da súa irmá. E ámbolos dous loitaron contra o mal, e o mal foi vencido e retornou ás súas ocultas moradas, máis aló do norte de todo o coñecido. E Antía entoou unha canción fermosa como todo o que facía, cálida, suave...e as árbores volveron a ter novas follas, máis verdes e fermosas que as anteriores, e as flores agromaron de novo... E Roi percorreu todo o mundo coñecido, e coa súa forza destruíu o xeo que conxelaba os ríos e as lagoas, e todo foi de novo fermoso. E o Sol quentou no alto do mundo, e a Lúa abrazou outra vez á noite.
Pero o mal non estaba derrotado para sempre e, pasadas seis lúas dende a súa derrota, estendeu de novo pouco a pouco o seu manto de frío xeo. Pero agora Antía e Roi xa estaban preparados e o mal de novo foi vencido.
E así seguen a loitar eternamente ata que chegue o momento en que todo volva a ser creado. E o mundo das cousas que son florece durante tres lúas e durante outras tres alcanza a súa máxima fermosura. E o mal comeza a despregarse durante tres lúas e durante outras tres desprega o seu manto de frío xeo, pero sempre a forza e o amor dos dous irmáns vencen ó mal.
E así é como naceron as catro estacións, e Antía púxolle os nomes de Primavera á estación do renacer de todo o que é; Verán, á estación do máximo esplendor; Outono á estación na que o mal comeza a despregarse e Inverno cando o manto frío de xeo o cubre todo.