Vistas de página en total

domingo, 30 de diciembre de 2012

De fadas e trasnos

      Era unha calorosa tarde de verán. Facía moita calor. O aire cheiraba a treboada. Ó fondo, xunto o río, vivía un grupo de fadas. Que como son as fadas dos ríos? As fadas dos ríos son uns seres preciosos. Teñen unhas pequenas ás e adoitan xogar voando ora cerca da auga, ora subindo ata as follas máis altas das árbores … Son semellantes as libélulas, de xeito moitas veces confundímolas coas libélulas, pois ademais de asemellarse moito a elas, gustan moito da súa compaña.

      Este día, as fadas estaban inquedas. Elas tamén notaban o arrecendo a tormenta no aire e sabían o que iso significaba: que unha vez máis, os trasnos volverían o río. Que trasnos, diredes vós? Os trasnos son semellantes ás fadas, pero son máis grandes e cando voan coas súas ás fan zoar o aire. Algunha xente confúndeos cos cabaliños do demo, pois parécense moito. Non son malos por natureza, pero son trasnos e, polo tanto, son algo atravesados, gustan de meterse coas fadas, empúrranas, chocan con elas no aire e obríganas a facer xiros para non caer.

      Fadas e trasnos levan moitos anos de batallas, pero os trasnos nunca se cansan e cada tarde de verán que hai treboada, volven ó río. As fadas xa están cansas de tantas trasnadas. Aquela tarde, cando os primeiros lóstregos apareceron polo horizonte, case tódalas fadas decidiron subir ata as follas máis altas dun castiñeiro, mentres un pequeno grupo decidiu ficar onda o río. Os trasnos non faltaron á súa cita. Un grupo deles acercábase pola beira do río. Fixaron o seu obxectivo nas fadas que voaban no río sen decatarse de que case todas se atopaban no alto da árbore. Estas esperaron pacientemente a que os trasnos estiveran cerca do castiñeiro e nese momento empezaron a saltar sobre unha das polas ata que dous ourizos amarelos se desprenderon e caeron entre os trasnos. Estes, sorprendidos, tiveron que dar varias reviravoltas para non ser esnaquizados polos ourizos e marcharon zoando río abaixo, cheos de medo. Por primeira vez, as fadas conseguiran gañar ós trasnos, pero sabían que mentres existan fadas e trasnos, cada tarde calorosa de treboada, haberá na beira do río unha xuntanza moi especial.

martes, 11 de diciembre de 2012

¿Por qué as árbores perden as follas?

      Estaban as árbores ó carón do río. Era verán, facía calor, e unha lixeira brisa acariciaba a follaxe das árbores.
     Foron pasando os días e as árbores seguían a deixarse acariciar pola brisa … todas menos unha, que sabía que os tempos de verán tocaban á súa fin e foi pouco a pouco cubrindo a súa pel dunha fina capa de carriza  que lle serviría de abrigo cando chegaran os tempos do frío e a choiva.
     E como era de esperar, foise a calor, chegou o outono, a choiva, o aire frío a zoar … e tódalas árbores tiñan frío, todas menos unha, que tiña o seu abrigo de carriza.


          - Achís –espirrou unha das árbores.
          - Achús –espirrou outra.

      E así, unha tras outra, ían espirrando ó longo do río. Cada espirro era unha sacudida de tódalas súas pólas, e eran un montón de follas que caían ó chan.
      Cando pasaron uns días, só unha árbore tiña tódalas follas, a única que non espirraba, a única que tiña o seu abrigo de carriza, a única que foi quen de ver chegar o outono …
      Entón a fada dos ríos díxolle que a partir dese día se chamaría “sempervivens” porque aínda no máis frío do inverno, sempre se mantén viva.