Vistas de página en total

jueves, 7 de marzo de 2013

Lucas


Era unha de tantas noites de verán. Facía calor. Ó lonxe ladraban os cans dos veciños unha e outra vez sen parar. Era como se adiviñaran que algo ía pasar.


Os nenos deitáranse a durmir. Xa ían sendo horas! Pero o sono non viña. Seguía a facer calor, moita calor. Roi ergueuse e abriu a porta da habitación que daba ó xardín. Unha suave e fresca brisa tentou entrar na habitación, pero desistiu cando se decatou da calor que ía dentro. A habitación parecía o mesmo inferno. Entón Roi dirixiuse á habitación da súa irmá:


- Dormes Antía? – preguntou
- Que máis quixera, con esta calor non podo.
- Eu tampouco.


Sentouse no chan a parolar con súa irmán. O chan parecía algo máis fresco. A porta da habitación de Antía que daba ó xardín tamén estaba aberta. Entón foi cando o oíron por primeira vez.


- Luc. Luc
- Oíches iso Antía?
- Oín.
- Parece que vén do xardín.
- Luc. Luc


Os dous irmáns achegáronse ata a porta e miraron para fóra. A noite era escura. Non había lúa. Todo era negrura. Non fixeron caso e volveron á súa conversa anterior.


- Luc. Luc


Aí estaba de novo ese misterioso son. Era un son longo e agudo que furaba a noite escura como se dunha navalla se tratara. Esta vez Roi procurou unha lanterna. Foi rápido á súa habitación, remexeu nos caixóns e atopouna.


- Xa parou de novo – dixo Antía ó ver chegar de novo ó seu irmán.
- Apagaremos a luz e esperaremos.


Tardou algún tempo, pero outra vez se oía o misterioso son.


- Luc. Luc. – Era unha mestura entre un asubío e un pranto.


Roi asomouse á porta, apuntou a lanterna cara a onde viña o son e acendeuna. Alí, preto da porta, un pequeno sapo do cor da lama miraba fixamente cara a eles. Encheu o papo e deixou saír o aire.


- Luc. Luc.


E Roi, recordando vellos contos que lle contaba seu pai de pequecho, contestou:


- Lucas, por que non cucas?
- Porque non quero, porque son fillo dun cabaleiro- contestou o sapo. E dito isto, deu un brinco tan grande que desapareceu da súa vista.

Lucía ou a princesa do sorriso que ilumina.

Érase unha vez un país moi, moi lonxe. Alí vivían nun castelo o Rei Miranda e a raíña Lucinda. Reinaban no seu país impartindo xustiza e bos consellos e tiveron unha filla. Esta era fermosa de veras, pero aínda máis que a súa fermosura, o que chamaba a atención nela era o seu sorriso, e por iso lle puxeron de nome Lucía, que quere dicir,”o sorriso que ilumina”.
Pasaron os anos ate que un bo día seus pais decidiron renunciar ó reino a favor da filla e irse a descansar a unha luxosa urbanización ó carón da praia. Lucía  continuou a gobernar seguindo as ensinanzas de seus pais, pero sobre todo, o que destacaba no seu reinado, era a ledicia que o enchía todo. A xente comezou a dicir que todo  era froito dalgún tipo de feitizo relacionado co seu sorriso.
E así foi como algúns reis doutros países comezaron a ter envexa da princesa Lucía, envexa e ciumes. As noticias sobre o país da “Luz” como xa lle chamaban algúns, viaxaron polo mundo ata chegar o país da escuridade, onde vivía o rei  “Escuro”. Este un día foi un gran Rei, pero a envexa e os ciumes convertérono nun rei malvado. Un día, o Rei escuro presentouse no reino da Luz, e diante da princesa votou un feitizo:
NESTE REINO ESCURIDADE E TRISTURA HABERÁ
ATA QUE O MÁIS GRANDE DOS TESOUROS
ATOPADO TEÑAS.
E o país da Luz converteuse nun novo país escuro, onde todo era negrura e tristura, pero sorriso da princesa Lucía foi máis forte que o feitizo e aínda mantiña a mesma luz do día no que naceu.
-Qué farei? – preguntábase a princesa.
- Onde atoparei un tesouro así?. Primeiramente irei ó  país das flores - pensou. Alí vive a princesa Antía, a máis fermosa entre as flores. Tal vez ela saiba si entre as súas flores se atopa o máis grande dos tesouros.
Pero a princesa Antía non coñecía tal flor. Aínda así, Lucía, co seu lindo sorriso  levou luz o país das flores e esta medraron e os seus colores brillaron máis ca nunca. En agradecemento, Antía enviouna ó veciño país de Virtus, alí vivía o príncipe Roi “ o valente”.
Virtus era un país asoballado por un montón de calamidades e desfeitas naturais que parecían non ter fin e a princesa usou a maxia do seu sorriso para levar tamén luz a aquel mundo de tristura. Pero unha vez máis, o prìncipe Roi non coñecía ningún tesouro que tal fose e faloulle deste xeito:
- Vai o pais do Saber. Nel viven tódolos sabios e magos do mundo, e o seu rei é o máis sabio de todos eles.
Que dicir do país dos sabios!. Pois poderíavos sorprender. Non era fermoso, pero estaba cheo de saber. E os sabios? Pois eran sabios, sabios e aburridos. E alí coñeceu ó rei Sabio.  Este escoitou atentamente as palabras da princesa Lucía, mirouna unha e outra vez, e despois de un tempo pensando faloulle con estas verbas:
- Princesa Lucía, si é certa a existencia dun tesouro que sexa máis grande e fermoso que tódolos demais, e lévalo contigo dende o mesmo día no que naciches: o teu sorriso é o máis grande do tesouros.
E así foi como a princesa Lucía volveu ó seu país, e co seu sorriso devolveu de novo a luz a onde antes había escuridades...
E COLORÍN, COLORADO, ESTE CONTO ESTÁ REMATADO.