Os nenos deitáranse a durmir. Xa ían sendo horas! Pero o sono non viña. Seguía a facer calor, moita calor. Roi ergueuse e abriu a porta da habitación que daba ó xardín. Unha suave e fresca brisa tentou entrar na habitación, pero desistiu cando se decatou da calor que ía dentro. A habitación parecía o mesmo inferno. Entón Roi dirixiuse á habitación da súa irmá:
- Dormes Antía? – preguntou
- Que máis quixera, con esta calor non podo.
- Eu tampouco.
Sentouse no chan a parolar con súa irmán. O chan parecía algo máis fresco. A porta da habitación de Antía que daba ó xardín tamén estaba aberta. Entón foi cando o oíron por primeira vez.
- Luc. Luc
- Oíches iso Antía?
- Oín.
- Parece que vén do xardín.
- Luc. Luc
Os dous irmáns achegáronse ata a porta e miraron para fóra. A noite era escura. Non había lúa. Todo era negrura. Non fixeron caso e volveron á súa conversa anterior.
- Luc. Luc
Aí estaba de novo ese misterioso son. Era un son longo e agudo que furaba a noite escura como se dunha navalla se tratara. Esta vez Roi procurou unha lanterna. Foi rápido á súa habitación, remexeu nos caixóns e atopouna.
- Xa parou de novo – dixo Antía ó ver chegar de novo ó seu irmán.
- Apagaremos a luz e esperaremos.
Tardou algún tempo, pero outra vez se oía o misterioso son.
- Luc. Luc. – Era unha mestura entre un asubío e un pranto.
Roi asomouse á porta, apuntou a lanterna cara a onde viña o son e acendeuna. Alí, preto da porta, un pequeno sapo do cor da lama miraba fixamente cara a eles. Encheu o papo e deixou saír o aire.
- Luc. Luc.
E Roi, recordando vellos contos que lle contaba seu pai de pequecho, contestou:
- Lucas, por que non cucas?
- Porque non quero, porque son fillo dun cabaleiro- contestou o sapo. E dito isto, deu un brinco tan grande que desapareceu da súa vista.
No hay comentarios:
Publicar un comentario