Érase que se era, un reino moi, moi lonxe onde vivía unha princesa, a máis fermosa das princesas que ninguén vira nunca. Era tan fermosa que cada vez que había un baile, tódolos príncipes querían bailar con ela. E tódolos príncipes dicían estar namorados dela.
Pero tamén había outras moitas princesas noutros tantos reinos, e unha delas estaba chea de ciumes e envexa. Canta máis envexa tiña, máis mala se volvía ata que pouco a pouco se foi convertendo, sen ela sabelo, nunha bruxa … nunha fea e malvada bruxa!
Un día, nun baile, estaba a nosa princesa fermosa bailando cos príncipes cando apareceu a bruxa, e a punto de estoupar de envexa e botoulle un meigallo:
- ¡De tan fermosa que es, en verme te has volver!.
Pero a fermosura da nosa princesa era tal que o maleficio non se cumpriu tal coma a bruxa esperaba e a princesa trocou en bolboreta, en vez de en verme. E era a bolboreta máis fermosa que nunca vira ninguén e puxéronlle de nome Antía, que significa “a máis fermosa entre as flores”, porque en verdade aquela bolboreta era a cousa máis fermosa que se podía ver entre as flores dos xardíns. E así foi a bolboreta de xardín en xardín, percorrendo todo o mundo.
Un día, chegou a princesa bolboreta ó val da Mahía, e alí andou os xardíns e bosques cantos había, e no máis fondo dun bosque, preto do monte San Marcos, a princesa bolboreta atopou un pobre lobo, dorido, e co cu queimado, tras caer por unha cheminea, segundo contou o lobo. Á princesa deulle pena e comezou a coidar del, pois aínda que aparentaba ser malo, no fondo a princesa sabía que o lobo tiña bo corazón. E así foi. Cando o lobo curou, rompéronse os feitizos. Porque o lobo non era un lobo, senón que era un príncipe, o fermoso príncipe Roi ,que vivía no Castelo das Torres de Altamira. E a princesa bolboreta volveu de novo a ser a máis fermosa das princesas. E ó castelo foron vivir, e foron moi felices.
Colorín, colorado, este conto está rematado.