Vistas de página en total

martes, 15 de enero de 2013

A princesa bolboreta e o que foi do lobo feroz.


      Érase que se era, un reino moi, moi lonxe onde vivía unha princesa, a máis fermosa das princesas que ninguén vira nunca. Era tan fermosa que cada vez que había un baile, tódolos príncipes querían bailar con ela. E tódolos príncipes dicían estar namorados dela.

     Pero tamén había outras moitas princesas noutros tantos reinos, e unha delas estaba chea de ciumes e envexa. Canta máis envexa tiña, máis mala se volvía ata que pouco a pouco se foi convertendo, sen ela sabelo, nunha bruxa … nunha fea e malvada bruxa!

      Un día, nun baile, estaba a nosa princesa fermosa bailando cos príncipes cando apareceu a bruxa, e a punto de estoupar de envexa e botoulle un meigallo:

            - ¡De tan fermosa que es, en verme te has volver!.

      Pero a fermosura da nosa princesa era tal que o maleficio non se cumpriu tal coma a bruxa esperaba e a princesa trocou en bolboreta, en vez de en verme. E era a bolboreta máis fermosa que nunca vira ninguén e puxéronlle de nome Antía, que significa “a máis fermosa entre as flores”, porque en verdade aquela bolboreta era a cousa máis fermosa que se podía ver entre as flores dos xardíns. E así foi a bolboreta de xardín en xardín, percorrendo todo o mundo.

      Un día, chegou a princesa bolboreta ó val da Mahía, e alí andou os xardíns e bosques cantos había, e no máis fondo dun bosque, preto do monte San Marcos, a princesa bolboreta atopou un pobre lobo, dorido, e co cu queimado, tras caer por unha cheminea, segundo contou o lobo. Á princesa deulle pena e comezou a coidar del, pois aínda que aparentaba ser malo, no fondo a princesa sabía que o lobo tiña bo corazón. E así foi. Cando o lobo curou, rompéronse os feitizos. Porque o lobo non era un lobo, senón que era un príncipe, o fermoso príncipe Roi ,que vivía no Castelo das Torres de Altamira. E a princesa bolboreta volveu de novo a ser a máis fermosa das princesas. E ó castelo foron vivir, e foron moi felices.

      Colorín, colorado, este conto está rematado.

2 comentarios:

  1. a bruxa de galego30 de enero de 2013, 0:27

    Fermosísimo conto, encántalle aos pícaros de 3 a 5 anos, pero tamén aos máis grandiños da ESO, que están aprendendo a contar e narrar contos tradicionais.

    ResponderEliminar
  2. a bruxa de galego30 de enero de 2013, 0:39

    Moi recomendable, especialmente para aquela xente e xentiña miúda que aínda gusta da ancestral tradición e costume de contar contos

    ResponderEliminar