Vistas de página en total

martes, 21 de mayo de 2013

Pérez



Era o maior de tódolos irmáns. Estaban Fernández, Rodríguez, López, Suárez e máis el, Pérez. Era unha pequena familia de ratos de auga recentemente chegados dende máis alá da grande cidade, escapando do ruído e da contaminación. ¿Qué como son os ratos de auga? Como tódolos ratos de auga gustaban de vivir cerca dos ríos, entre os castiñeiros e os salgueiros. Son moi xoguetóns. Pasan o tempo de troula e rara vez pensan no futuro. Esa palabra para eles non existe. So viven o presente.
¿Qué como son fisicamente? Pois como tódolos ratos. Dúas orellas, dous olliños pequechos, un rabo, un fociño … iso si, son dunha cor marrón escura, polo lombo e a barriga e de cor máis ben branca, de tanto xogar na auga.
Aquel ano estaban a vivir un dos mellores outonos que recordaban: facía calor, moita calor. Os castiñeiros estaban cheos de ourizos dourados que deixaban caer os seus tesouros ó chan, e eles, os ratos de auga, saían de entre os penedos do río, recollían as castañas e volvían con elas de novo ós penedos, onde ninguén os podía molestar. Todos menos Pérez. Déralle non sei que aquel (seus irmáns dicían que caera a primeiros do verán do alto dunha pola do castiñeiro e que agora tiña a cachola algo avariada) e estaba a traballar coma un tolo nun buraco do máis vello dos castiñeiros. Comía poucas castañas e a maior parte do tempo pasábao carrexando nelas. Ademais andaba a roer nas herbas secas e levaba panadas delas para aquel oco. De cando en vez parábase na metade do camiño, miraba cara a presa do río, levantaba o fociño cara o aire e cheiraba cara o horizonte, logo meneaba a cabeza e seguía ca súa tolemia. Os seus irmáns rían a escachar del e seguían de troula.
Un bo día empezou a soprar un vento forte do norte. Forte e frío. A familia de ratos *rez andaban na procura de algo que comer. As castañas, aínda que había moitas tiradas polo chan, xa non estaban boas. Ca humidade do río empezaran a podrecer moitas delas. Unhas gotas de choiva comezaron a caer por entre a polas das árbores xa espidas das súas follas. Os ratos foron a buscar o abrigo dos penedos do río, onde pasaran tantas tardes de verán entre troula e troula. Agora aqueles penedos estaban fríos, moi fríos. E húmidos.
-          ¿E Pérez? – preguntou un dos ratos.
-          Non sabemos nada del, andará cheirando o aire!. –Dicía outro mentres se ría sen parar.
-          Ou roendo nas herbas! – dicía un terceiro.
-          Jajajajajajaja!!!. – riron todos.
Pero a cousa comezou a pórse fea. Chovía moi forte. E choveu un día, e outro e outro. A auga do río subía e xa estaba a piques soterrar baixo o seu manto os penedos dos ratos. Era hora de iren a terra firme. Buscaron un sitio seco entre as raíces dos castiñeiros e salgueiros, pero todo estaba enchoupado de auga. Ó final, subiron a unha pola dun ameneiro, e alí, arrimados uns contra os outros, mirando cara o ceo nubrado, empezaron a tremer de frío. E de fame. ¿É Pérez?
De pronto un lóstrego cruzou o ceo e logo outro. E outro.  E tras eles o tremer dos tronos que parecía querer fender o ceo en dous. E entre trono e trono, un asubío rachou o aire. Os ratos miraron uns para os outro e logo viron a Pérez dende o seu burato do castiñeiro que lles facía sinais coas mans. Ata alá foron todos. Cando entraron no burato comprenderon que estivera a facer Pérez todo o outono. O burato esta dividido en dúas partes. Unha delas facía de despensa e gardaba moreas de castañas, landras e outros froitos. A outra metade do burato, estaba chea coa herba seca que estivera a recoller Pérez. Os seus irmáns miráronse os uns ós outros sen saber que dicir. ¿ E Pérez? Pérez so dixo:
-          Pemán dixo que teríamos un inverno moi chuvioso!- e engruñou os ombreiros.

No hay comentarios:

Publicar un comentario