Vistas de página en total

sábado, 22 de marzo de 2014

O Espírito da montaña



Sabedes, coñezo unha parella de montañeiros moi especiais. ¿Porqué son tan especiais? Pois,  por moitas cousas; porque nos coñecemos, polas risas que botamos xuntos,  polo cariño que nos temos … podería seguir horas e horas falando do moi especiais que son pero  entre tódalas cousas que os fan especiais  hai unha que me ven a cabeza cada vez que penso neles:  o amor que teñen á montaña. Aproveitan ata o último momento libre para camiñar pola natureza, facer rutas, subir a picos nevados, agatuñar por paredes xeadas ou baixar por fervenzas de auga. Cando van de monte non só gozan del senón que tamén o coidan, nunca deixan atrás lixo ningún, nin o deles ni o de outros que máis que ir de montaña abusan dela. Pois esta parella tan especial ten moitas  historias da montaña que contar pero hai unha que nunca esquecerán …
Corría o mes de maio, aínda que aquel ano maio presentábase un tanto frío e desapracible. Era un domingo pola mañá. O parte meteorolóxico daba bo tempo aínda que algunhas nubes cara o solpor. Saíron como sempre da súa casa, colleron a estrada que os levaba cara o parque natural de Somiedo, ían facer ese día unha ruta na zona de La Peral. Unha fermosa ruta dende onde se pode ver Peña Penouta, o Valle del Trabanco ou ben Picu´l Comón.  Ó chegar deixaron o coche en La Peral e comezaron a camiñar. Din que é esta unha das rutas máis fermosas do parque, sobre todo a primeiras horas da mañá. 
O día avanzaba rapidamente entre prados e piorneiras. Cando ían polo camiño que baixa ó val de Pigüeña ocorreu algo do que nunca se esquecerán. Unha mesta néboa comezou a  cubrilo todo. Coñecedores da ruta seguiron camiñando, pero cada vez era máis difícil ver o camiño ata que nun punto preto da Braña Los Cuartos o camiño desapareceu baixo os seus pes. Era tan mesta a néboa que temeron perderse e decidiron facer un alto no camiño, descansar un pouco e orientarse. Aquí sucedeu algo que os deixou abraiados.
Entre todo o que levaban con eles nunca faltaba un bo compás que indicara onde quedaba o norte pero ese día descubriron que o norte era moi esquivo. Aquel compás, como por arte do mesmo demo, sinalaba o norte agora para un lado, agora para outro, agora para arriba, agora para abaixo … Decidiron entón pedir axuda coa emisora. Buzzzzzzzzzz era todo o que oían. ¿Qué facer? Decidiron buscar un sitio onde sentarse, descansar e esperar a que a néboa se fose.  Foi entón cando entre a néboa apareceu un cachorro de oso. Iso facía que a situación fose aínda máis preocupante: perdidos na néboa, sen poder orientarse, cun cachorro de oso mirando cara eles, e ca mamá osa a saber por onde! Pero aquel cachorro de oso acercouse a eles pouco a pouco, mirounos fixamente, arrimou o fociño ós pantalóns de Pe e tirándolle pequenas dentadas parecía querer dicir que o seguiran. ¿Qué facer? Como o pequeno oso insistía unha e outra vez decidiron ver onde os levaba. ¿Qué podían perder?
A súa sorpresa foi ver como o pequeno oso os guiaba por entre a néboa. Ó pouco rato esta íase facendo cada vez menos densa ata que puideron de novo atopar o camiño para volver ata La Peral.
 ¿E qué foi do osiño, diredes vos? Desapareceu entre a néboa tan rápido como aparecera.
 Cando deron chegado de volta a La Peral, sentaron cansos e decatáronse que ó lado do coche, había unha fonte de a auga que manaba da propia pedra onde unha inscrición rezaba así:
-          Si es quen de coidar da montaña, algún día a montaña será quen de coidar de ti

martes, 18 de marzo de 2014

Flor de Inverno



É esta a historia dunha de tantas familias. Vivían nunha pequena casa no campo, unha pequena casa de planta baixa, acolledora, rodeada dun enorme xardín onde no verán brotaban fermosísimas flores. Tiñan dous nenos que gozaban xogando entre as flores e as árbores. Vivían felices, moi felices.
Aparte dos nenos, o que máis gozaba de todo aquilo era o pai. Gustaba de camiñar baixo as árbores, entre as flores, e faláballes, acariñabas …
Un ano, ó rematar o verán, cando as flores muchan e as árbores perden a folla o pai enfermou. Os médicos non deron ca enfermidade. Non sabían que tiña, so que se murchaba como o fixeran xa tódalas flores do xardín. Tan só dicía unha cousa
-          Quixera ollar unha vez máis unha flor no xardín. So unha vez máis. – e logo calaba.
Foron pasando os días, chegou o inverno e o pai cada vez murchábase máis e máis. Agora o seu corpo estaba frío, frío como os días de inverno que chegaban. Aquela casa chea de luz e ledicia agora era triste e gris. Así foi como os fillos de aquel home comezaron a busca dunha flor que florecera no inverno. Percorreron todo canto era coñecido, pero non atoparon en ningures ningunha flor capaz de florecer entre as neves e o frío.
A noticia espallouse por todo o mundo e comezaron a chegar a aquela casa xardineiros vidos dos máis afastados recunchos dispostos a facer florecer unha flor no inverno. Uns trouxeron rarísimos abonos cos que irrigaron as plantas. Outros, expertos no arte da poda, cortaron as polas das árbores por ver si conseguían facelos brotar. Todo era inútil. Cómo facer brotar unha flor cando o inverno aínda estaba no seu inicio?. Un día presentouse o último dos xardineiros, o máis sabio de todos. Aplicou toda a súa sabedoría e pasados uns días dirixiuse ós fillos de aquel pobre home.
-  Non hai nada que facer- díxolles- non se pode loitar contra a nai natureza. Non se pode facer florecer unha flor no inverno.
Así foi como se despediu. Os fillos de aquel pobre home, axeonlláronse no nu chan do xardín e deron en chorar. As súas bágoas de desesperación e de amor polo seu pai, que vían irse como se vai o verán fixeron unha pequena poza no chan da cal empezou a brotar unha pequena planta. Abraiados por aquilo, non dixeron nada a ninguén, e coidaron dela. A planta medrou rapidamente converténdose primeiro nun arbusto e logo nunha pequena árbore. Ó cabo duns días brotou unha flor. A máis fermosa flor que nunca viran na súa vida. Foron correndo onda seu pai, e con moito esforzo conseguiron que se asomara á ventá. Este, apenas abrindo os ollos, mirou aquela flor, e como si dun milagre fora, ergueuse, camiñou cara o xardín e de xeonllos no chan dixo
-          Unha flor de inverno!
En recordo de aquel feito puxeron de nome a aquela flor “camelia, a flor do inverno”. Dende aquel día florecen tódolos invernos milleiros de camelias por aquel pais …
-  Avó, -dixo o máis pequeno dos rapaces que atentamente estaban a escoitar a historia- e que foi de aquel home?
-  Estades a ollar cara el.

jueves, 13 de marzo de 2014

A princesa loira




Había unha vez un reino moi, moi lonxe chamado Altamira onde sempre estaba escuro e chovía tódolos días. Unhas veces chovía pouco, outras veces chovía moito, as veces facía moito vento.  Pero o ceo sempre estaba escuro e gris.
Por aquel entonces, no descorrer desta historia, naceu unha fermosa rapaza de pelo loiro.  Seus pais, asustados pola luz que irradiaba aquel pelo tan loiro,  tapáronllo  cun pano e así viviu toda a súa xuventude. Acostumada ós panos na cabeza nunca os quitaba. Só polas noites para se peitear antes de se deitar.
Aquela nena medrou e gustaba moito de conversar cos vellos. Encantábanlle aquelas historias que lle contaban. E eles gustaban da súa presenza, pois o seu sorriso curaba a tristura dos corazóns.  E así, falando con uns e con outros chegou un día ata unha aldea onde vivía un vello, o máis vello do reino, ó que todos tiñan por tolo. E contoulle unha historia que nunca ía esquecer.  Era a historia do feiticeiro de Altamira.
 Contoulle como fai moitos anos, a xente traballaba no campo.  O ceo era azul e no alto alumeaba un disco dourado ó que chamaban sol. Pero un día chegou un feiticeiro e vendo a ledicia de aquela xente subiu ó alto do castelo de Altamira e dende alí enviou un feitizo a todo o reino. Unhas nubes cubrírono todo e nunca máis volveu a verse o sol. Pero un vello tolo deu co último raio de sol e gardouno nun pequeno recipiente de barro que logo ocultou nas profundidades do mundo mentres repetía estas verbas:
-          Chegados son os tempos da escuridade pero cando se cumpran os destinos e a roda da vida de unha volta completa, este raio de sol ceibarase e chegará o día que ilumine de novo o reino de Altamira
Aquel vello tolo contoulle que unha lenda di que un día chegará unha raíña de pelo loiro como o sol que será quen de vencer ó feiticeiro de Altamira. Foi entón cando a rapariga se quitou o pano da cabeza por primeira vez diante dun descoñecido e aquel vello dou en chorar.
Así foi como aquela rapariga comezou a busca das torres de Altamira. Encamiñouse cara onde parecía que escuridade era maior. A medida que avanzaba a luz íase como se vai un suspiro dos beizos dun namorado. O aire era cada vez máis denso e por momentos custaba traballo respirar. Ó final dun largo e angosto camiño atopouse cunha elevación do terreo. Gateou, agarrada ás poucas herbas que medraban ás veiras do mesmo e no alto de todo atopou  un castelo de pedras negras como a noite do cal saían aquelas escuras nubes que o recubrían todo. Andou ata a porta mesma do castelo.
-          Sal de aí – dixo. Sal de aí  e non volvas nunca máis a estas terras. Vaite ti e máis a túa escuridade.
Entón o feiticeiro, vendo a unha rapaza solitaria e desprotexida saíu do castelo
-          ¿Quén es ti para retar o feiticeiro de Altamira? – dixo este
-          Son a que trae os raios de sol na súa cabeleira.
Dito isto, quitouse o pano da cabeza e unha luz cegadora iluminouno todo. O feiticeiro deu un grito arrepiante e converteuse nun feo sapo.
-          Croac – dixo antes de desaparecer para sempre
 Entón as nubes abríronse no ceo e así foi como aquel pobo volveu de novo a ver a luz do sol. E  nomeáronma raíña  e en recordo no escudo de armas daquel reino debuxaron unha torre dourada, porque agora ese é a cor das pedras do castelo de Altamira onde aínda vive a raíña do sol
As veces, sobre todo no inverno,  sucédense os  días de choiva e escuridade e a sombra do feiticeiro voa polo reino de Altamira, pero o pelo loiro da raíña de Altamira termina vencendo á escuridade e sempre, despois da tormenta sae o sol.
-          Avó, e como sabes ti todo iso?
-           Seino porque son moi vello, o máis vello do reino de Altamira. E o máis tolo.