Vistas de página en total

miércoles, 14 de mayo de 2014

Cri - Cro - Cro


Era unha tarde calorosa de maio. Xoán cantaba na porta da súa casa. Estaba rematando de limpala cando de pronto oíu de novo aquel canto estridente. 
-          Cri – cro –cro. Cri – cro –cro.
Aí está de novo, pensou Xoán. Este grilo tolo algún día vai ter un problema.
Xoán era un grilo dourado. ¿Qué cómo son os grilos dourados? Son grilos pequechos,  negros, de fortes ás que tamén se coñecen como dourados por unha mancha desa cor que levan no pescozo.
Nada máis oír aquel canto estridente, Xoán rematou a limpeza pronto e meteuse de novo na súa casiña. Esta, como a de tódolos grilos da súa estirpe, consistía nun pequeno buraco que servía de entrada e unha galería que descendía suavemente, ó final da cal se atopaban as estancias principais da casa. Estas eran dúas, unha facía de cociña – comedor e a outra de habitación. A cociña era pequena. No centro, unha fermosa pedra granítica plana facía de mesa e un anaco de madeira que atopara un día preto da porta da casa facía de cadeira. Como os grilos comen sobre todo leitugas, correolas e outras herbas crúas, o resto do mobiliario apenas consistía nunha pequena cunca que fixera a partir dunha tapa de plástico onde lavaba a comida antes de poñela na mesa.
Xoán era un grilo moi preocupado pola hixiene. Na habitación, a parte dunha cama feita cunhas follas de castiñeiro secas, había unha pía de pedra  onde se lavaba tódolos días. Nunca deixaba a casa sen antes limpala ben. Nunca se sabe quen che pode vir de visita!
Aquel grilo tolo seguía a cantar alí fora. Cada vez facíao máis alto. Xoán asomou o fociño polo buraco e viu algo que o deixou abraiado. Agora aquel grilo tolo estaba no alto dun penedo cantando.
-          Cri – cro – cro. Cri – cro –cro
-          Realmente estás tolo de todo! – gritou Xoán  dende o buraco
-          Oíde todos –dixo o grilo tolo. - Quén canta mellor que ninguén? Quén canta máis alto que ninguén?
-          Báixate de aí tolo! Aínda vas levar un desgusto!
-          Cagóns! Sodes todos uns cagóns! Vinde oír ó grilo que mellor e máis forte canta do mundo!
Nese momento unha sombra pasou por encima da cabeza de Xoán. Asustado meteuse dentro da casa. Fora o grilo tolo seguía a cantar.
-          Cri – cro – cro. Cri – cro –cro
-          No teñades medo! Aquí está Edelmiro! Jajajaja!
De pronto Edelmiro calou. Xoán arrimou o fociño polo buraco outra vez, xusto a tempo para ver como unha pega rabilonga levaba a Edelmiro no peteiro. O último que oíu foi un  CRI-CRO-CRO. Despois silencio.

No hay comentarios:

Publicar un comentario