Vistas de página en total

martes, 22 de diciembre de 2020

O rápido de Betanzos

 

Chamábanlle Luis, aínda que era máis coñecido por Luisito ou tamén Luisiño, aínda que non lle gustaba que lle chamaran así, prefería Luis ou Don Luis.

Nunca coñecín a ninguén máis fachendoso ca él, cando menos ata o día do suceso que aquí imos contar, suceso, que por outro lado, ninguén dubidaba que algún día sucedería, do único que había dúbidas era de cando ía suceder.

Luisiño era, ou cando menos iso era o que el cría e do que presumía, o máis rápido do lugar, aínda que si lle fixéramos caso a el, seríao do mundo enteiro, e ademais de crelo, aínda presumía desta habilidade que deus lle deu. Tódolos seus amigos fuxían nada máis velo, sabían xa de memoria o discurso de Luisiño: son o máis rápido, cando vos cheguedes a meta xa será noite no mundo enteiro, sodes máis lentos que o cabalo do malo das películas....e non digamos nada da súa afección  polas apostas....

Un día camiñaba Luisiño polo prado, aburrido, pois xa ninguén quería botar unha carreira con el... cando se atopou con Silvestre, un coello recentemente chegado, de pelo gris como as nubes que traen a neve dende as montañas.

-          Bos días, señor coello.

-          Bos días, e ti quen es?

-          Chámome Luis, aínda que aquí chámanme Luisiño, e son rápido, moi rápido, o máis rápido do mundo.

-          Seguro que si, Luisiño.

-          Estase rindo de min? –teimou Luisiño.

-          Nunca máis lonxe da miña intención –dixo o señor coello.

-          Bótolle unha carreira!

-          Ben Luisiño, unha cousa é que sexas rápido, que non o nego, pero eu son un coello.

-          E vostede cre que eu non son o suficientemente rápido como para ganarlle a un coello? –seguía teimando Luisiño

-          Eu non nego que sexas rápido –dixo o coello, que xa non sabía como facer para evitar aquela situación absurda.

-          Señor coello, rétoo a unha carreira!

-          Pero Luisiño...

-          Señor coello, apóstolle a miña cuncha de caracol a que lle gaño!

-          Veña Luisiño, déixao xa...

-          Señor coello, non será vostede un covarde?

Aquelo si que non, o coello tiña moita paciencia, pero covarde non llo chamaba ninguén. E alí mesmo e en aquel mesmo momento, tivo lugar a carreira. Unha volta completa ó redor do prado. E xa vos podedes imaxinar o resultado. Aínda que sexa este un conto, e xa sabemos que nos contos pode pasar calquera cousa, esta vez pasou o que tiña que pasar. Luisiño perdeu a carreira, a cuncha e moito máis, pois a partir daquel intre, toda a súa descendencia naceu sen cuncha.. Agora todo o mundo os coñece como lesmas, as parentes dos caracois... o que ninguén sabe é que realmente son a descendencia de Luisiño o rápido, o fachendoso, o único caracol capaz de botarlle unha carreira a un coello, apostar a súa propia cuncha e perdela.

No hay comentarios:

Publicar un comentario