Había unha vez un verme miúdo, moi miúdo. E famento.
Estaba este verme camiñando por un prado cheo de plantas e flores, disposto xa a comer calquera cousa que se lle puxera diante, de tanta fame que tiña, cando, de pronto, mirou por encima da súa miúda cabeciña e viu un fermoso castiñeiro, todo cheo de fermosos ourizos. Fermosos e gordos. E dourados.
- Seguro que están cheos de castañas gordas e fermosas – pensou o verme- pero, como chegar ata elas? Están moi altas!
Estaba o verme con esas cavilacións cando o máis gordo e fermoso dos ourizos se desprendeu da súa póla e caeu ó chan moi preto do verme.
- Arre demo! –dixo o verme- Case que me esnaquiza! Estivo ben preto.
E dito isto, o verme empezou a dar voltas ó redor do ourizo por ver se había algún sitio por onde meter boca a aquelas castañas tan ricas que case que seguro había no seu interior.
- Teño que conseguir que este ourizo abra a súa boquiña –pensou o verme- para comerme as ricas castañas.
- Iso é o que ti te cres – dixo para si o ourizo- non abro eu a miña boca para que un verme me coma as miñas fermosas castañas.
E o verme seguiu a dar voltas ó redor do ourizo. O primeiro que pensou foi atacar o ourizo de fronte. Foise decidido cara a el, pero pronto comprobou que as espiñas, longas e afiadas, se lle cravaban por tódolos recunchos do seu corpo.
- Así non podo- dixo o verme- ou voume converter nun verme ó espeto. Ten que haber outro xeito. Xa sei! Fareino falar. Din que os ourizos son moi fachendosos e andan a presumir de que ninguén lles gaña ás adiviñas. Se consigo que abra a boca, métome dentro e listo.
Entón o verme propúxolle ó ourizo un reto. Se o ourizo era realmente o ourizo sabio do que tanta xente falaba, sería quen de acertar a seguinte adiviña.
“Alto me vexo
De ouro teño o pelexo,
E se abro a boca
Perdo canto levo dentro”
Pero o ourizo, sabio ou non, non caeu na trampa que lle propuxo o verme e non abriu a boca nin sequera para dicir que a adiviña falaba, precisamente, dun ourizo cheo de castañas.
O verme, triste, canso, máis famento aínda que antes, estaba a piques de abandonar aquel ourizo e ir comer unhas follas de correola cando se decatou de que ó ourizo lle asomaban, nun extremo, uns diminutos pés. Entón o verme botou a correr (todo o que pode correr un verme) e comezou a facerlle cóxegas nos pés. O ourizo non puido soportalo e abriu a boca, botou a rir e alí estaban as fermosas castañas. E así foi como aquel verme miúdo e famento, deixou de ser famento.
No hay comentarios:
Publicar un comentario