Vistas de página en total

martes, 21 de mayo de 2013

A princesa dos mares de Fisterra



Érase que se era un castelo situado ó norte, moi ó norte, onde se termina toda a terra coñecida. Alí naceu unha nena, a máis fermosa de entre tódalas nenas á que seus pais puxeron por nome Antía, que quere dicir, “a máis fermosa entre as flores”. E medrou xogando nos xardíns do castelo, xogando entre rosas e xasmíns, entre narcisos e camelias, entre tulipáns e gardenias. Pero o que máis lle gustaban eran as fontes de auga  pura e limpa e as pequenas lagoas onde se reflectía o sol ó amencer, e onde ía polas noites a lúa a beber.
E así pasou feliz a súa xuventude. Pero cando cumpriu os dezaoito anos, comezou a medrar nela un sentimento estraño. Sentíase prisioneira naquel mundo que ata o de agora fóra todo para ela. E este sentimento medrou e medrou, e un bo día saíu do castelo e votou a camiñar guiada por un “aquel” que non era quen de explicar. Cruzou un pequeno bosque de pinos e carballos e ó saír del soubo que atopara o que andaba a buscar: nunha pequena praia de branca area descansaban as augas do máis fermoso dos mares. Descalzouse e comezou a camiñar namorada de aquela praia, de aquel sol e de aquel ceo azul que ó lonxe bicaba o mar. E o propio aire estaba cheo dun arrecendo especial, que non se podía comparar nin con arrecendo das máis fermosas flores do seu xardín. E así, tódolos días, ó caer o sol, volvía a aquel lugar máxico, para sentarse nas rochas a ollar como ceo, sol e mar se bicaban ó rematar o día.
E aquel mar tamén se namorou da fermosura da princesa, e cada tarde esperaba a súa chegada, ata que un día, ocorreu o que nunca ninguén se imaxinara: cando a princesa camiñaba descalza pola area, o mar comezou a moverse en forma de ondas que ascendían pola area ata chegar a bicarlle os pes. Ás veces era Antía quen se sentaba nas rochas a xogar coas ondas, e gustáballe que a espuma lle fixera cóxegas nos dedos dos pes descalzos. Cando logo Antía volvía para o castelo, o mar recollíase a descansar ó carón das rochas. E así un día tras outro.  Conta a lenda que así foi como naceron as ondas do mar e as mareas.
Pero hai neste mundo moitos ciúmes e moita envexa, e son sentimentos moi perigosos. Un día chegou a noticia destes feitos ó “mar das tempestades” e os ciumes medraron nel. E medraron e medraron, ata que non puido máis e presentouse na praia a cabalo dos ventos do vendaval, os máis rápidos e feroces de tódolos ventos coñecidos. E quedou tan abraiado o mar das tempestades pola fermosura da princesa que decidiu nese momento que sería súa e tan só súa. Axudado polo vento levantou unhas ondas tan grandes que arrancaron á princesa das rochas onde sentara a descansar e levouna con el. A ónde? Ninguén o sabe. Ocultouna da vista de toda criatura coñecida para ser el o único que puidera ollar a súa fermosura.
Mentres tanto, o mar de Fisterra, cas súas ondas, comezou a buscar, día tras día, os pes da súa amada Antía para bicalos unha vez mais. E dúas veces ó día arrastrábase pola praia, ascendendo pola area e bicando os pes das rapazas que camiñaban descalzas, para logo volver de novo a carón das rochas a descansar, esperando, que tal vez, ó día seguinte volvera a ver a fermosura da princesa dos mares.
-          E que foi da princesa, papa? – dixeron os dous nenos á vez.
-          Non se sabe. A lenda di que un día virá un príncipe de nome Roi, que significa “o valente”, que a rescatará de onde o mar das tempestades a mantén oculta para que ninguén mais que el poida ver a súa fermosura, e xuntos volverán ás praias de Fisterra. Pero ese é un conto moi largo de contar
-          Cóntanos outro conto papá! – dixeron os dous nenos de novo.
-          Mañá. Agora toca deitarse e durmir. Boas noites Antía. Boas noites Roi. –E dito isto, apagou a luz
-          Papi... – dixo Roi, falando en voz moi queda – fáltache algo.
-          Ah! E colorín colorado, este conto está....
-          Rematado! –terminou Roi.

No hay comentarios:

Publicar un comentario