Vistas de página en total

jueves, 13 de marzo de 2014

A princesa loira




Había unha vez un reino moi, moi lonxe chamado Altamira onde sempre estaba escuro e chovía tódolos días. Unhas veces chovía pouco, outras veces chovía moito, as veces facía moito vento.  Pero o ceo sempre estaba escuro e gris.
Por aquel entonces, no descorrer desta historia, naceu unha fermosa rapaza de pelo loiro.  Seus pais, asustados pola luz que irradiaba aquel pelo tan loiro,  tapáronllo  cun pano e así viviu toda a súa xuventude. Acostumada ós panos na cabeza nunca os quitaba. Só polas noites para se peitear antes de se deitar.
Aquela nena medrou e gustaba moito de conversar cos vellos. Encantábanlle aquelas historias que lle contaban. E eles gustaban da súa presenza, pois o seu sorriso curaba a tristura dos corazóns.  E así, falando con uns e con outros chegou un día ata unha aldea onde vivía un vello, o máis vello do reino, ó que todos tiñan por tolo. E contoulle unha historia que nunca ía esquecer.  Era a historia do feiticeiro de Altamira.
 Contoulle como fai moitos anos, a xente traballaba no campo.  O ceo era azul e no alto alumeaba un disco dourado ó que chamaban sol. Pero un día chegou un feiticeiro e vendo a ledicia de aquela xente subiu ó alto do castelo de Altamira e dende alí enviou un feitizo a todo o reino. Unhas nubes cubrírono todo e nunca máis volveu a verse o sol. Pero un vello tolo deu co último raio de sol e gardouno nun pequeno recipiente de barro que logo ocultou nas profundidades do mundo mentres repetía estas verbas:
-          Chegados son os tempos da escuridade pero cando se cumpran os destinos e a roda da vida de unha volta completa, este raio de sol ceibarase e chegará o día que ilumine de novo o reino de Altamira
Aquel vello tolo contoulle que unha lenda di que un día chegará unha raíña de pelo loiro como o sol que será quen de vencer ó feiticeiro de Altamira. Foi entón cando a rapariga se quitou o pano da cabeza por primeira vez diante dun descoñecido e aquel vello dou en chorar.
Así foi como aquela rapariga comezou a busca das torres de Altamira. Encamiñouse cara onde parecía que escuridade era maior. A medida que avanzaba a luz íase como se vai un suspiro dos beizos dun namorado. O aire era cada vez máis denso e por momentos custaba traballo respirar. Ó final dun largo e angosto camiño atopouse cunha elevación do terreo. Gateou, agarrada ás poucas herbas que medraban ás veiras do mesmo e no alto de todo atopou  un castelo de pedras negras como a noite do cal saían aquelas escuras nubes que o recubrían todo. Andou ata a porta mesma do castelo.
-          Sal de aí – dixo. Sal de aí  e non volvas nunca máis a estas terras. Vaite ti e máis a túa escuridade.
Entón o feiticeiro, vendo a unha rapaza solitaria e desprotexida saíu do castelo
-          ¿Quén es ti para retar o feiticeiro de Altamira? – dixo este
-          Son a que trae os raios de sol na súa cabeleira.
Dito isto, quitouse o pano da cabeza e unha luz cegadora iluminouno todo. O feiticeiro deu un grito arrepiante e converteuse nun feo sapo.
-          Croac – dixo antes de desaparecer para sempre
 Entón as nubes abríronse no ceo e así foi como aquel pobo volveu de novo a ver a luz do sol. E  nomeáronma raíña  e en recordo no escudo de armas daquel reino debuxaron unha torre dourada, porque agora ese é a cor das pedras do castelo de Altamira onde aínda vive a raíña do sol
As veces, sobre todo no inverno,  sucédense os  días de choiva e escuridade e a sombra do feiticeiro voa polo reino de Altamira, pero o pelo loiro da raíña de Altamira termina vencendo á escuridade e sempre, despois da tormenta sae o sol.
-          Avó, e como sabes ti todo iso?
-           Seino porque son moi vello, o máis vello do reino de Altamira. E o máis tolo.

1 comentario:

  1. Este conto gustoume especialmente, porque un día fun loira e raíña igual que a do conto!!!
    Noraboa outra vez.

    ResponderEliminar