É esta a historia dunha de tantas familias. Vivían
nunha pequena casa no campo, unha pequena casa de planta baixa, acolledora,
rodeada dun enorme xardín onde no verán brotaban fermosísimas flores. Tiñan
dous nenos que gozaban xogando entre as flores e as árbores. Vivían felices,
moi felices.
Aparte dos nenos, o que máis gozaba de todo aquilo
era o pai. Gustaba de camiñar baixo as árbores, entre as flores, e faláballes,
acariñabas …
Un ano, ó rematar o verán, cando as flores muchan
e as árbores perden a folla o pai enfermou. Os médicos non deron ca
enfermidade. Non sabían que tiña, so que se murchaba como o fixeran xa tódalas
flores do xardín. Tan só dicía unha cousa
-
Quixera
ollar unha vez máis unha flor no xardín. So unha vez máis. – e logo calaba.
Foron pasando os días, chegou o inverno e o pai
cada vez murchábase máis e máis. Agora o seu corpo estaba frío, frío como os
días de inverno que chegaban. Aquela casa chea de luz e ledicia agora era
triste e gris. Así foi como os fillos de aquel home comezaron a busca dunha
flor que florecera no inverno. Percorreron todo canto era coñecido, pero non
atoparon en ningures ningunha flor capaz de florecer entre as neves e o frío.
A noticia espallouse por todo o mundo e comezaron
a chegar a aquela casa xardineiros vidos dos máis afastados recunchos dispostos
a facer florecer unha flor no inverno. Uns trouxeron rarísimos abonos cos que
irrigaron as plantas. Outros, expertos no arte da poda, cortaron as polas das
árbores por ver si conseguían facelos brotar. Todo era inútil. Cómo facer
brotar unha flor cando o inverno aínda estaba no seu inicio?. Un día
presentouse o último dos xardineiros, o máis sabio de todos. Aplicou toda a súa
sabedoría e pasados uns días dirixiuse ós fillos de aquel pobre home.
- Non hai nada que facer- díxolles- non se
pode loitar contra a nai natureza. Non se pode facer florecer unha flor no
inverno.
Así foi como se despediu. Os fillos de aquel pobre
home, axeonlláronse no nu chan do xardín e deron en chorar. As súas bágoas de
desesperación e de amor polo seu pai, que vían irse como se vai o verán fixeron
unha pequena poza no chan da cal empezou a brotar unha pequena planta.
Abraiados por aquilo, non dixeron nada a ninguén, e coidaron dela. A planta
medrou rapidamente converténdose primeiro nun arbusto e logo nunha pequena
árbore. Ó cabo duns días brotou unha flor. A máis fermosa flor que nunca viran
na súa vida. Foron correndo onda seu pai, e con moito esforzo conseguiron que
se asomara á ventá. Este, apenas abrindo os ollos, mirou aquela flor, e como si
dun milagre fora, ergueuse, camiñou cara o xardín e de xeonllos no chan dixo
-
Unha
flor de inverno!
En recordo de aquel feito puxeron de nome a aquela
flor “camelia, a flor do inverno”. Dende aquel día florecen tódolos invernos
milleiros de camelias por aquel pais …
- Avó, -dixo o máis pequeno dos rapaces que
atentamente estaban a escoitar a historia- e que foi de aquel home?
- Estades a ollar cara el.
que saibas que este conto fíxome soltar unha bagoiña de melancolía. Recordoume moito ao avó Manolo Villaverde. Encantábanlle as camelias. Sempre que vexo unha recórdanme á casa de Proupin.
ResponderEliminarbks Ro