Vistas de página en total

miércoles, 2 de abril de 2014

A devoradora de libros.


         Esta é a historia dunha muller á que lle encantaba ler libros. Minto. Non lle gustaba lelos, devorábaos.  Un libro de seiscentas páxinas duráballe menos que un bocadillo de nocilla nas mans dun neno pequeno. En tres días lía o libro e sobráballe tempo!
Un día estaba lendo un dos seus libros cando de pronto, as letras empezaron a moverse. Primeiro pouco a pouco, parecía que lle saudaban e todo. Logo xiraron rapidamente para unha vez todas xuntas formar unha palabra

-  OLA!

A nosa protagonista quedouse mirando aquilo. Pechou os ollos e volveunos a abrir de novo. Fregounos. Refregounos. Pero aquela palabra seguía alí.

-  Ola – dixo para si.

De pronto, as letras separáronse de novo, volveron a bailar diante dos seus ollos e reagrupáronse  formando agora unha frase

-  COMO TE CHAMAS?

A nosa protagonista volveu pechar e abrir os ollos. Fregounos e refregounos de novo. Murmurou o seu nome en baixo. As letras movéronse outra vez rapidamente.

-  EU CHÁMOME LIBRO –apareceu escrito agora. Volveron de novo a moverse as letras separándose e xuntándose  para seguir ca conversa
-  OS MEUS AMIGOS DA ESTANTERÍA DIN QUE NON LES LIBROS, SENON QUE OS DEVORAS. NON ME COMAS POR FAVOR!!!
-  Eu non como a ninguén – dixo agora xa en voz alta-, eu so leo libros pero moi rápido. 

Asombrouse de estar falando cun libro. Que tolemia! Pero aquelas letras seguían ó seu. Xa se estaban a mover de novo.

-  DE VERDADE NON COMES LIBROS?
-  Non! Pero que fago falando contigo? Es un libro e os libros non falan!
-  QUEN DIXO QUE OS LIBROS NON FALAN! OS LIBROS CONTAN HISTORIAS, FALAN DE AMORES PROHIBIDOS, DE MIL BATALLAS, DE PANTASMAS DE VIVOS E DE MORTOS, DE CORAZÓNS FERIDOS, DE PRINCESAS E RAÍÑAS.
-  Vale, vale! Os libros falan. E eu non como libros! De acordo?
-  DE ACORDO. E PORQUE LES OS LIBROS TAN RÁPIDO? – Aquilo parecía non ter parada.
-  Non o sei, porque me gusta ler e quero chegar ó final pronto, o máis pronto posible. O tempo é ouro!!! – respondeu xa ca impaciencia chamando polo xenio e desexando acabar con aquilo pronto.

As letras unha vez máis bailaron diante dos seus ollos incrédulos.

-  O TEMPO É OURO ... aparecía escrito agora diante dos seus ollos.

Foi entón cando oíu as voces dos seus nenos que a chamaban dende o salón. Abriu os ollos e viu o libro aberto entre as súas pernas. Quedárase durmida! Ergueuse aliviada e foi entón cando viu caer unha a folla do interior daquel  libro onde un montón de letras ordenadas formaban unha frase …

-  ... E HAI QUE DISFRUTAR DEL PORQUE SO SE VIVE UNHA VEZ!

No hay comentarios:

Publicar un comentario