Vistas de página en total

viernes, 4 de abril de 2014

Ramiro



Era unha tarde calorosa de maio. Ramiro descansaba ó pé do río, baixo a sombra dun sabugueiro. Gustáballe aquel sitio. Era fresco e gozaba xogando cos raios de sol que asomaban por entre as follas.

Encantáballe ir alí. Cando necesitaba un pouco de espazo, cando precisaba fuxir do ruído, aquel era o seu refuxio preferido. Alí, como el dicía, podía deixar a mente en branco e botar a voar a súa imaxinación.

O murmurar das augas do río ó bicar as pedras, o croar das ras, todo facía de aquel curruncho un pequeno paraíso.

Foi entón cando a viu vir. Pasou diante dos seus ollos con esa fermosura, esa fraxilidade, con esa forma de se mover, deixándose acariñar pola brisa. E o sorriso. Qué dicir de aquel sorriso? E Ramiro quedou prendido dela. Namorouse. Namorouse tolamente

Seguiuna ca vista ata que desapareceu ó lonxe. Entón recobrou o senso e vendo a súa imaxe reflectida na auga do río descubriu que aquel amor era imposible. ¿Cómo unha cousa tan fermosa podería namorarse del? El era feo e torpe.

A partires de aquel día, Ramiro ía tódalas tardes a aquel, o seu curruncho á beira do río, para vela pasar. Non se atrevía a dicirlle nada por medo a romper a maxia de aquel momento, por medo a perdela para sempre. Por medo a que nunca máis volvera a pasar diante da súa mirada. Cando desaparecía da súa vista xa lle estaba a tardar a chegada do día seguinte, para poder vela de novo. Estaba namorado. Estaba tolamente namorado.

Por fin, unha tarde, Ramiro non puido máis. Fixo un esforzo e faloulle.

Cantoulle unha canción como  nunca ningún merliño cantara antes. Co seu peteiro laranxa entoou un canto cheo de tristura polo amor imposible. Un canto cheo de amor pero tamén de dor. Un canto coma nunca ninguén antes cantara. Ela, mirou cara el e sorriulle.

 Endexamais puido Ramiro esquecer aquelas ás de bolboreta que unha tarde calorosa de maio lle partiron o corazón. E é por iso polo que o canto do merlo se parece máis a un laio que a unha canción.

1 comentario:

  1. Carlos ¡é precioso! encántame!! bueno, gustar, gústanme todos pero este é tan tenro... bjs Ro

    ResponderEliminar