Estaba deitada
sobre as herbas, mirando o ceo, na ribeira do río. Encantáballe escoitar o murmurio das augas do
río ó bater contra as rochas. A brisa acariñaba as súas meixelas, e un intenso
aroma a primavera enchía o aire que respiraba.
Cando ese aire traía con sigo
algunha nube, encantáballe buscar parecidos:
-
Mira! –dicía para si mesma- parece unha
mazá xigante. E esta outra, semella un paxaro.
Estaba inmersa
neste xogo, cando de pronto, unha nube negra como o mesmo carbón pasou por riba
da súa cabeza. A súa faciana tornou en
preocupación. E máis aínda, cando detrás desa nube viñeron outras, tanto ou máis negras aínda. Apenas
tivo tempo de saír voando para abrigarse debaixo dun castiñeiro que medraba na
ribeira do río. Cando chegou, unhas enormes gotas de chuvia caían aquí e alá.
Atopou un burato no tronco do castiñeiro, e alí se abrigou.
De pronto, oíu
un ruído que saía de entre as herbas …
-
Aiiii, que me mollo! Uiiiiii Que me mollo! Sitio!!! Faime sitio, por
favor!!!
-
Ola! –dixo ela entre asustada e curiosa-
chámome Bolboreta. É ti?
-
Que nome tan fermoso! Case tan fermoso
coma ti! –dixo o recen chegado- Eu chámome Escaravello. E non fai falla que
digas nada, xa sei que o meu nome non é nin tan fermoso coma o teu, nin eu
tampouco
-
O que non se pode negar é que es ben gracioso.
Gústasme!
-
Oh, grazas! Jajajajajaj!!!! É un
cumprido, supoño...
-
Claro!! Jejejejee!!!!
E os dous novos
amigos seguiron falando ata que pasou a tormenta e abandonaron aquel
castiñeiro.
A nosa amiga
Bolboreta ía tódalas tardes á ribeira do río a ver pasar as nubes sobre a súa
cabeza. Pero non volveu a ver ó seu amigo ata que unha nova tormenta a
sorprendeu, e unha vez máis, abrigada no burato do castiñeiro, oíu aquelas
palabras que saían de entre a herba
-
Aiiii, que me mollo! Que me mollo!!!!!!!
Dende aquela, víanse
tódalas tardes de tormenta, naquel burato, no pé do castiñeiro. E contábanse
historias do sucedido nos días que pasaran entre treboada e treboada. Das súas
aventuras. Normalmente era Escaravello quen máis falaba. Aínda así Bolboreta
tamén tiña as súas aventuras que contar, como cando conseguiu escapar dun neno
que a perseguiu por toda a ribeira do río.
E así, como en
todo conto máxico, seguro que pensades que co paso do tempo casaron, e foron
felices, e comeron perdices …
Pero non, porque
a maxia deste conto está na amizade, que non entende de nomes fermosos ou feos,
non entende de razas, non entende de
febles ou fortes, non entende de ricos ou pobres. Entende de respecto, de mirar
dentro do corazón das persoas, entende de risas e contos, entende de poñer o
ombreiro para que outro se apoie en el, entende de dar a man cando alguén cae
para axudarlle a levantarse, entende de escoitar cando outro fala...
E agora si, foron amigos e felices ata o fin dos
tempos…..
No hay comentarios:
Publicar un comentario