Vistas de página en total

sábado, 21 de octubre de 2017

Adeus Avó.


Danieliño  levaba uns cantos días moi triste. Non dicía nada e ninguén, non se queixaba, tan só pasaba as tardes subido en aquela  figueira que para el era a súa nave especial ca que exploraba planetas máis alá dos confíns do universo coñecido.

Facía uns días, ó caer a tarde, súa nai chamárao entre bágoas.

-  Daniel, corre!. O avó está moi enfermo. Vaite vir buscar a tía Lola e as primas e vas ir con elas á súa casa

-  Pero mamá, que pasa?

Pero súa nai non puido responder. Deu en chorar.

-  Mamá, podo ver ó avó?

-  Non Daniel, está o médico con el.

Daniel recolleu algo de roupa do seu armario, axudado pola súa nai, un par de xoguetes e dispúxose a ir ca tía Lola. Antes de marchar puido ver como  saía do cuarto do avó o doutor acompañado do señor cura.

A tía Lola e as primas vivían cerca de alí. Eran moi boas con Daniel. As veces viñan pola casa e incluso as veces as primas quedaban a durmir. Gustáballe moito xogar cas primas, aínda que eran algo maiores ca el, pero eran moi divertidas. Pero agora Daniel non tiña gañas de xogos. Pasaba o tempo mirando pola fiestra da casa da tía Lola e contaba os coches que pasaban pola rúa, ou simplemente xogaba con algún xoguete.

O terceiro día que levaba na casa da tía Lola, unha tarde de babuxada, Daniel saíu á fiestra a ver pasar os coches e veu vir de pronto un montón de xente pola rúa, con caras longas. Diante un home levaba unha gran cruz de prata, detrás un coche longo e negro. E detrás pareceulle ver á súa nai, seu pai.... Avó!!!

Cando a tía Lola deu pechado as contras da fiestra xa era tarde.

Pasaron aínda varios días ata que por fin Daniel puido volver á casa de seus pais. O avó xa non estaba. Súa nai explicoulle que Deus o chamara para que coidara os xardíns do ceo.

-  Mamá, -dixo Daniel- Deus é moi listo e sabio, pois levou para coidar os xardíns do ceo ó mellor xardineiro do mundo.

Dende ese día, pasaba as tardes subido en aquela figueira convertida en nave espacial de exploración intergaláctica. Unha tarde, pasada pouco máis dunha semana dende a marcha do avó, Daniel descubriu un paxaro que o miraba fixamente dende unha pola da figueira, mentras el estaba a facer un de aqueles viaxes intergalácticos. Nunca vira tal cousa. Seu avó ensináralle todo canto sabía da natureza: a recoñecer as árbores, coidar o xardín, a distinguir os paxaros. Os merlos, os carrizos, os paporrubios, os verderolos,  os xílgaros, os pimpíns, os chascos, as lavandeiras, as andoriñas, os lavercos ... Ese paxaro non se correspondía a ningún deles, nin pola cor, nin polo cantar. Cantaba como os anxos e era máis fermoso que calquera dos outros paxaros coñecidos. E miraba para el de seguido.

-  Daniel, a merenda!

-  Vou mamá!

-  Que andas a facer sempre subido na figueira?. Aínda vas caer!

-  Estou explorando outros mundos

-  Ti, e a túa imaxinación!

-  Mamá, sabes, creo que hoxe vin ó Avó

-  Daniel... non por favor. Sabes que o avó está con Deus

-  Mamá, vin un paxaro que nunca antes vira e canta como os anxos do ceo. Eu creo que é o espírito do Avó

-  Será un xílgaro Daniel

-  Non mamá, non é ningún dos paxaros que me ensinara o Avó.

-  Daniel, -dixo súa nai entre bágoas-non sigas por favor...

-  Vale mamá.... Cando termine o bocadillo podo volver á figueira?

-  Si , si prometes non falar máis do paxaro

-  Vale mamá

E Daniel volveu á figueira e alí estaba o paxaro. Cantando e mirando para Daniel. E Daniel miraba para el e era como si se falaran con solo mirar o un para o outro. Mentres, súa nai asexaba pola fiestra, preocupada por Daniel. E así pasou a tarde

-  Daniel. Volve que xa é noite!

-  Vou mamá! Estou terminando de investigar unha praga de formigas de cu vermello que me invadiron dende o planeta veciño.

E Daniel, chiscoulle un ollo ó paxaro

-  Adeus Avó, grazas por virte despedir de min xa que eu non puiden ir a despedirme de ti

E esa foi a última vez que Daniel viu aquel paxaro, e nunca viu nin oíu outro coma el.

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario