Danieliño levaba uns cantos días moi triste. Non dicía
nada e ninguén, non se queixaba, tan só pasaba as tardes subido en aquela figueira que para el era a súa nave especial
ca que exploraba planetas máis alá dos confíns do universo coñecido.
Facía uns días, ó caer a tarde, súa
nai chamárao entre bágoas.
- Daniel, corre!. O avó está moi enfermo. Vaite vir buscar a tía Lola e as
primas e vas ir con elas á súa casa
- Pero mamá, que pasa?
Pero súa nai non
puido responder. Deu en chorar.
- Mamá, podo ver ó avó?
- Non Daniel, está o médico con el.
Daniel recolleu algo
de roupa do seu armario, axudado pola súa nai, un par de xoguetes e dispúxose a
ir ca tía Lola. Antes de marchar puido ver como saía do cuarto do avó o doutor acompañado do señor cura.
A tía Lola e as
primas vivían cerca de alí. Eran moi boas con Daniel. As veces viñan pola casa
e incluso as veces as primas quedaban a durmir. Gustáballe moito xogar cas
primas, aínda que eran algo maiores ca el, pero eran moi divertidas. Pero agora Daniel non tiña gañas de xogos. Pasaba o tempo mirando pola fiestra da casa da tía Lola e
contaba os coches que pasaban pola rúa, ou simplemente xogaba con algún xoguete.
O terceiro día que
levaba na casa da tía Lola, unha tarde de babuxada, Daniel saíu á fiestra a ver
pasar os coches e veu vir de pronto un montón de xente pola rúa, con caras
longas. Diante un home levaba unha gran cruz de prata, detrás un coche longo e
negro. E detrás pareceulle ver á súa nai, seu pai.... Avó!!!
Cando a tía Lola deu
pechado as contras da fiestra xa era tarde.
Pasaron aínda varios
días ata que por fin Daniel puido volver á casa de seus pais. O avó xa non
estaba. Súa nai explicoulle que Deus o chamara para que coidara os xardíns do
ceo.
- Mamá, -dixo Daniel- Deus é moi listo e sabio, pois levou para coidar os
xardíns do ceo ó mellor xardineiro do mundo.
Dende ese día,
pasaba as tardes subido en aquela figueira convertida en nave espacial de exploración
intergaláctica. Unha tarde, pasada pouco máis dunha semana dende a marcha do avó, Daniel
descubriu un paxaro que o miraba fixamente dende unha pola da figueira, mentras el estaba a facer un de aqueles viaxes intergalácticos. Nunca
vira tal cousa. Seu avó ensináralle todo canto sabía da natureza: a recoñecer
as árbores, coidar o xardín, a distinguir os paxaros. Os merlos, os carrizos,
os paporrubios, os verderolos, os
xílgaros, os pimpíns, os chascos, as lavandeiras, as andoriñas, os lavercos ...
Ese paxaro non se correspondía a ningún deles, nin pola cor, nin polo cantar.
Cantaba como os anxos e era máis fermoso que calquera dos outros paxaros
coñecidos. E miraba para el de seguido.
- Daniel, a merenda!
- Vou mamá!
- Que andas a facer sempre subido na figueira?. Aínda vas caer!
- Estou explorando outros mundos
- Ti, e a túa imaxinación!
- Mamá, sabes, creo que hoxe vin ó Avó
- Daniel... non por favor. Sabes que o avó está con Deus
- Mamá, vin un paxaro que nunca antes vira e canta como os anxos do ceo.
Eu creo que é o espírito do Avó
- Será un xílgaro Daniel
- Non mamá, non é ningún dos paxaros que me ensinara o Avó.
- Daniel, -dixo súa nai entre bágoas-non sigas por favor...
- Vale mamá.... Cando termine o bocadillo podo volver á figueira?
- Si , si prometes non falar máis do paxaro
- Vale mamá
E Daniel volveu á
figueira e alí estaba o paxaro. Cantando e mirando para Daniel. E Daniel miraba
para el e era como si se falaran con solo mirar o un para o outro. Mentres, súa
nai asexaba pola fiestra, preocupada por Daniel. E así pasou a tarde
- Daniel. Volve que xa é noite!
- Vou mamá! Estou terminando de investigar unha praga de formigas de cu
vermello que me invadiron dende o planeta veciño.
E Daniel, chiscoulle
un ollo ó paxaro
- Adeus Avó, grazas por virte despedir de min xa que eu non puiden ir a
despedirme de ti
E esa foi a última
vez que Daniel viu aquel paxaro, e nunca viu nin oíu outro coma el.